venres, 25 de abril de 2014

Estrea mundial de No quiero ser Dulcinea

Se o Día do libro empezou dunha maneira especial o final da xornada foi excepcional. Tivemos no noso instituto o privilexio de ver a estrea dunha representación teatral á que lle agardan moitos éxitos.
No quiero ser Dulcinea é unha viaxe por sete obras literarias significativas da literatura castelá (La Celestina, La vida es sueño, Don Juan Tenorio, La Regenta, La tía Tula, Yerma e Cinco horas con Mario). Un percorrido especial da man dunha personaxe feminina de cada unha desas obras. Así, vaise conformando un retrato da condición da muller (coas súas preocupacións, frustracións, ilusións...) ao longo dos 500 anos nos que se enmarcan os títulos escollidos.
Pero, ademais, No quiero ser Dulcinea é un espectáculo teatral en toda regra, mercede a unha actriz que xa ten demostrado o seu bo facer na escena galega: Ursia Gago. Coa súa forza interpretativa deixounos coa boca aberta e, incluso, a algúns coa vista algo máis ca enturbiada pola emoción.
Esta obra, unha maxistral clase de literatura en cincuenta e cinco minutos, aproximadamente, é tamén o resultado dun gran traballo colectivo da man de Alfredo Conde Mariñas (dirección), Natalia Pérez Prado (dirección artística e produción), Félix Pérez (vestiario) e outros.

Non podemos menos que desexarlle a Ursia Gago e a No quiero ser Dulcinea que o IES Aquis Querquernis de Bande fose o comezo dun longo camiño... 


No quiero ser Dulcinea en Bande by Slidely Photo Gallery

Recoñecedes cada unha das sete mulleres que aparecen representadas nas fotos? Fixádevos ben...

mércores, 23 de abril de 2014

Feliz Día do libro 2014!

Non é tan mal día para crear un blog! Porque na actualidade, estes cadernos dixitais están sendo un dos formatos nos que máis se le. 
Ademais, xa ía sendo hora de abrir unha ventá Ó MUNDO para mostrar o que estamos a facer no IES Aquis Querquernis de Bande arredor da lectura.
E hoxe ocorreron cousas ben bonitas que queremos compartir con todos!


Este foi o recibimento que tivemos esta mañá no noso centro:
KEEP CALM and... LE 
Que non sabedes que é iso de Keep Calm? Pois xa che é vello! Infórmate aquí.
Si, ler si! Un 23 de abril que iamos predicar! Pero ler como? De que xeito? Pois fíxate na foto: LE COMO ANDAS EN BICICLETA!
E aí veu a sorpresa... porque ó entrar no instituto... atopamos unha exposición preciosa (grazas a Xulio e a Esther). Libros e bicicletas: vaia mestura!










Como vedes, a maior parte das bicis están en chairo, polo que ler como andas en bicicleta débese facer máis ben PASENIÑO... Pero tamén hai algunha de cara arriba ou de cara abaixo, e é ben certo que algunhas lecturas fánsenos algo COSTA ARRIBA... e outras RÁPIDAS, RÁPIDAS...
En todo caso a mensaxe está clara: 
MANTÉN A CALMA E LE!
Felices lecturas! Feliz Día do libro!